Esta titulación substitúe ao Máster Universitario en Química Avanzada, solicitado no seu día polo consorcio constituído pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO).

Este mestrado previo foi deseñado en 2006 en base ao Real Decreto 56/2005 como unha titulación dun ano de duración (60 ECTS), co obxectivo de formar en temas avanzados e actuais da Química, fundamentalmente aos licenciados en Química ou provenientes doutras licenciaturas relacionadas interesados en ampliar a súa formación académica e técnica, para permitirlles iniciar unha carreira profesional que requirise unha especialización en Química en campos como a industria química, farmacéutica, biomédica, produción de novos materiais, agroalimentaria, control e estudo ambiental, análise e control de calidade, fito e biosanitaria e no campo das enerxías renovables. O mestrado tiña tamén un importante perfil investigador e daba acceso ao doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Química, titulación tamén impartida por ambas as universidades. Na proposta inicial, este Máster en Química Avanzada ía integrado no denominado Posgrao Oficial en Ciencia e Tecnoloxía Química, pero, tras a súa adaptación ao Real Decreto 1393/2007 estas dúas titulacións pasaron a ser titulacións independentes e simplificadas.

Con todo un aspecto detectado desde o inicio do anterior mestrado foi o baixo grao de interacción co mundo profesional e industrial, evidenciado pola gran cantidade de estudantes que, unha vez finalizado o máster, optaron pola realización dos estudos de doutoramento. Isto, sen ser negativo, non deixa de evidenciar o forte carácter investigador do resultado da oferta académica. Ademais, a adaptación dos estudos de Licenciado en Química aos de Grao en Química conlevou, entre outras cousas, unha redución substancial de contidos avanzados, que se impartían no curso 5º da licenciatura. Isto último afecta sobre todo o nivel alcanzado en cada universidade respecto ao desenvolvemento de cada unha das competencias.

Estas dúas razóns de alcance aconsellaban reformar o anterior Máster en Química Avanzada sobre a base das modificacións seguintes:

  1. Adaptar o nivel de mestrado a titulados en Grao en Química e unificar o nivel do estudantado, garantindo desta maneira o éxito na adquisición das competencias específicas da titulación.
  2. Reducir parcialmente a oferta de estudos avanzados do mestrado. A excesiva oferta de materias na versión anterior do mestrado producía con frecuencia a repetición de contidos e sendo esta moi difícil de evitar pola moi dispar distribución de estudantes nas materias. Cunha menor oferta, o estudantado está máis agrupado e a coordinación entre o profesorado é máis eficiente.
  3. Incluír na oferta de estudos cursos con claro perfil profesional, así como a posibilidade de cursar prácticas na industria, para atender a demanda daquel estudantado con intereses no sector industrial.

Desta maneira queda garantido o interese científico e profesional do máster, recuperando así o seu interese académico, dada a relevancia dos seus obxectivos específicos, que continúan sendo os seguintes:

a) Completar a formación do estudante en campos avanzados da Química.

b) Prepararlle para desenvolver labores de investigación, desenvolvemento e innovación en Química, non só no plano académico senón tamén no industrial.

c) Proporcionarlle formación en campos do exercicio profesional relativos á investigación e a outras actividades alleas a ela que configuran a actividade a nivel empresarial.

d) Contribuír á súa formación a nivel práctico, proporcionándolle a opción de desenvolver na empresa ou na universidade labores específicas relacionadas coa actividade en cada unha delas.

Este Máster é unha titulación versátil estruturada en base a unha orientación investigadora e outra profesionalizante. A primeira ten por obxecto ser un instrumento formativo para a realización posterior dunha tese de doutoramento no ámbito da Química. A segunda pretende complementar a formación académica de Grao cunha formación especializada en Química e Economía Industrial, que permite o acceso privilexiado ao mercado laboral no ámbito da industria Química.

A orientación investigadora ten unha formulación xeneralista equiparable aos mestrados en Química que existen en España e a nivel mundial, sendo de feito un tipo de mestrados moi distribuídos e con gran tradición no ámbito europeo e americano. Son ademais titulacións que habitualmente contan cos mellores indicadores de calidade e eficiencia.

No ámbito europeo, adóitanse organizar estudos avanzados con perfil predoutoral xenéricos de Química que coexisten con outros especializados en ámbitos avanzados. Con todo en moitas universidades de referencia europeas o perfil investigador coexiste co orientado coa industria química por exemplo na Universidade Pierre e Marie Curie de París e a Universidade Libre de Berlín, entre outras. Algo similar sucede coas planificacións doutras universidades alemás. Estas Universidades xeralmente ofrecen un mestrado de nome xenérico para todas as ciencias experimentais que se concreta en estudos de especialización en Química con materias ECTS, contidos, descriptores e obxectivos similares aos propostos aquí.

Nos EE.UU. rexístrase un total de 178 títulos ofertados baixo o nome xenérico de Máster de Química e universidades de referencia en canto a calidade dos seus estudos como as de Harvard, California Institute of Technology ou a Universidade de Yale nos ofrece. Neste ámbito o perfil dos estudos adoita orientarse sobre todo a formación previa para os estudos de doutoramento pero tamén con especialidades ou itinerarios con perfil profesional.

A casuística en España é similar. Un referente relevante para o noso mestrado é o Máster en Química Industrial e Iniciación á Investigación Científica implantado recentemente pola Universidade Autónoma de Barcelona. A formulación que facemos no noso mestrado para o módulo de Iniciación á Investigación Científica e á Práctica Profesional garda notables similitudes coa solución adoptada pola UAB para a formación práctica dos alumnos en laboratorios de investigación ou na industria química.

Ademais, existe un certo número de másteres de química cunha formulación profesionalizante. Son particularmente relevantes os seguintes:

Descrición dos procedementos de consulta internos

A primeira fase da elaboración do plan de estudos do Máster consistiu na creación dunha Comisión Redactora, constituída por representantes das facultades de Química das tres universidades participantes, así como o presidente-decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia. Esta comisión, presidida polo entón decano da Facultade de Química da USC, iniciou unha serie de reunións nas que se foi xestando a proposta para este mestrado, en interacción continua cos equipos decanais da Facultade de Química de Vigo e da Facultade de Ciencias da Coruña, así como cos departamentos de química das tres universidades.

Utilizáronse, adicionalmente, os seguintes elementos informativos:

  • Enquisas ao profesorado e alumnado do Máster en Química Avanzada ao que vén substituír o Máster que agora se solicita.
  • Suxerencias de mellora formuladas pola Comisión de Garantía Interna de Calidade da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.

Tamén foi consultado o Comité Consultivo da Facultade de Químca da USC. A gran maioría da Comisión, así como a destes centros e departamentos considerou moi conveniente propoñer un máster destas características, con obxecto de facilitar a incorporación dunha parte dos titulados do máster ao sector industrial, mentres que aqueles que se decanten por unha carreira investigadora tamén atoparán neste mestrado unha formación adecuada ás súas necesidades. Adicionalmente a isto, a proposta de mestrado foi sometida nas tres universidades aos procesos institucionais de aprobación de plans de estudos, que incluíron:

  • Exposición pública de acordo cos protocolos que con carácter xeral teñen establecidos para a creación de novas titulacións.
  • Aprobación polos respectivos consellos de goberno.
  • Aprobación polos respectivos consellos sociais.

Descrición dos procedementos de consulta externos

Complementariamente para a elaboración do Máster tivéronse en conta as achegas adicionais seguintes:

  • Recomendacións da Conferencia de Decanos de Química de España.
  • Suxerencias recibidas das empresas e institucións coas que se asinaron convenios específicos de colaboración co mestrado.
  • Participación activa do Colexio Oficial de Químicos de Química na elaboración do mestrado.

Apoiaron de forma particularmente decidida a inclusión dunha orientación profesionalizante as numerosas empresas e profesionais externos consultados polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que manifestaron a súa total disposición a colaborar na docencia das materias vinculadas a esta orientación, así como na oferta de prazas nas súas instalacións para recibir estudantado que deba realizar prácticas profesionais e Traballos Fin de Máster.